Work Text:
Nunca tiveron que comezar a vivir xuntos. Koala sóuboo con certeza despois de ver os resultados cos seus propios ollos. Sabo herdara unha vella mansión tras a morte dun seu tío do que nin sequera coñecera a súa existencia, polo que lle pareceu un bo momento para propoñerlle ir vivir xuntos. Obviamente, terían que encargarse da restauración e a nova decoración do lugar, pero non era nada que nun mercado non puidesen atopar para rebaixar custos.
A casa estaba a quilómetros de calquera cidade. O máis próximo era unha pequena aldea na que, con algo de sorte, atoparían un estanco e un bar lúgubre de vellos. A Koala non lle facía moita graza o lugar, mais si que admitía que poder redecorar completamente unha casa emocionábaa un chisco despois de consumir tantos programas de reformas na tele.
E vaia, si que lle viña ben unha boa reforma... A primeira palabra que lle viría á mente a calquera que divisase a mansión era Edgar Allan Poe. E si; aquilo contaba como unha soa palabra. Casa de tres ou catro pisos, arquitectura do gótico flamenco, finca interminable sen podar, bosque de álamos e alciprestes, río cheo de lama e algo que non soubo identificar... Obviamente alí non habería Wi-Fi sequera.
Cando por fin conseguiron entrar e deixar o coche nunha especie de garaxe sen porta principal, Sabo e Koala compartiron unha mirada de resignación.
—Sinto moito terte involucrado nesta empresa desesperada.
—Oh, non te preocupes, Sabo. De todas formas, non me gustaría que estiveses aquí soíño en medio da nada. E se lle engadimos que es incapaz de centrarte en nada durante máis dunha semana, quizais tería que pasar anos esperando a que rematases o traballo.
—Non podo argumentar nada contra esa lóxica. —E o mozo botouse a rir da forma suave e delicada que o caracterizaba. Todo nel lle facía pensar nun paxaro maxestoso. Nin sequera o seu riso era capaz de ser contido polo vento, derramándose ao seu redor e bañando a contorna con aquelas plumas de luz que se soltaban dos seus pasos.
Agora comezaba a peor parte: a avaliación de danos. As cortinas estaban podres, as luces non funcionaban, o soto estaba anegado por unha fuga de auga e o tellado e o teito do terceiro piso estaban estragados por varias partes, mais polo menos non era nada que non se puidese salvar. Os primeiros días foron tranquilos e fríos, con aquela humidade que entraba polas fiestras dunha soa folla e pola madeira vella. Koala e Sabo pasaban as noites enleados entre mantas, brindándose todo o cariño e a calor posibles para poder durmir con maior facilidade. Aquela experiencia incluso estaba fortalecendo o seu amor, mais aquilo non duraría para sempre.
—Non che dixen que puxeses as táboas ao lado do celeiro, Koala?
—E foi o que fixen.
—Dáme a min que non. Deixáchelas preto do maldito río e os castores foron por elas!
Poucas veces na súa vida vira a Sabo tan irascible sen haber unha causa social de por medio. Coa camisa de cadros mal metida nos vaqueiros e as botas de montaña que levaba, parecía un auténtico residente de aquela aldea do lado. Lanzou a caixa de ferramentas ao chan e xirou en redondo para sinalar aquel lugar onde se supuña que debía estar todo.
—E ti ves algo? Di, ves algo? Porque eu aí non vexo unha merda.
—Sabo, amodo. Só son unhas táboas. Xa encargaremos máis. Avancemos co soto en vez de arranxar o teito... —O seu noivo non parecía asimilar a situación de todo, xa que seguía coa vista perdida no fondo do río. O ruído dos rápidos parecía hipnotizalo desde había un tempo, e o seu sempre sereno rostro estraba constrinxido cunha expresión ameazante. Aquilo era unha parvada como para enfadalo tanto—. Pasouche algo máis hoxe?
—Parecerache pouco.
Koala non contestou. Aquel rapaz loiro de ombros de mandíbula ríxida non era o Sabo co que namorara. El nunca sería tan maleducado con ela. Talvez pasar todos os días xuntos facía que se cansase máis rápido dela, pero non podía confirmalo co pouco falador que estaba ultimamente.
Mentres se ocupaban de restablecer o gas, a luz e a auga á casa nada ocorrera entre eles. Incluso cando a choiva entrara, incansable, polos primeiros pisos e deberan baleirar decenas de tinas da auga da noite. Incluso cando un coiote aparecera morto á beira do río. A natureza polo visto non o enfadaba. Só o conseguía ela e calquera mínimo erro pola súa parte. En calquera outra ocasión, teríase enfadado e botado en cara, pero Sabo cada vez se parecía menos a si mesmo e máis a algo salvaxe e perigoso que non conseguía identificar. Non lle tiña medo porque seguía sendo o home que amaba, pero admitía que lle preocupaba o que fose que estivese turbando as augas da súa mente. Algunha vez lle preguntara polo tema, pero xamais contestaba.
Había momentos nos que podían quedar horas os dous xuntos adurmiñando no mesmo sofá ante o lume da cheminea, apertados e con bicos esporádicos que lembraban a ambos que eran unha parella, mais en canto regresaban ao traballo, a tensión rexurdía.
Días despois daqueles eventos, Koala espertou rodeada de suor pero non do corpo de Sabo. Algo renxía nalgunha planta máis baixa e producía uns estalos húmidos e resoantes. A moza tomou aire no maior silencio posible. Non tiña o máis mínimo interese en asomarse para comprobar que era aquilo. Se se trataba de ratas ou de algún coiote, parecía moi violento. Quizais incluso tiñan a rabia. Non; definitivamente non quería achegarse a aquel ruído. Mais tampouco se atrevía a berrar o nome do seu mozo por se fose o que fose aquela criatura detectaba a su presencia e decidía atacala. Non sabía que facer, mais se algo a preocupaba por riba de todo era onde se metera Sabo. Abriu un armario en completo silencio e coa lanterna do móbil buscou algo de roupa que poñer e estar máis presentable se tiña que acudir unha ambulancia a salvala. O último que lle apetecía era que a atopasen cunha camiseta destinguida e unhas bragas manchadas de regra. Ademais, se levaba postas unhas zapatillas de deporte non a incomodaría tanto ter que pisar por onde pasasen eses bechos.
Con pasos curtos e silenciosos foi baixando as escaleiras ao primeiro piso e logo ao baixo. Volveu sentir a mesma calor húmida que ao espertar. Dubidou se volver acender a lanterna do seu móbil ou seguir movéndose na penumbra. Polo menos non escoitaba ningún son dun animal pola cociña, pero non se sentía capaz de iluminar a sala. E se ao facelo descubría que o tiña xusto en diante, mirándoa con detemento antes de atacar? Os renxidos proviñan dun dos bordos da casa, polo que era posible que houbese algunha criatura escarvando. A parte boa de ter arrincado as cortinas vellas era que entraba a luz pálida da noite e aínda podía distinguir unha cadeira antes de chocar con ela.
Xirou o picaporte lentamente, poñendo o oído para detectar calquera ameaza desde o outro lado. Aquilo soaba máis preto, pero nada indicaba que non puidese saír. O aire fresco da madrugada lembroulle que debía respirar se quería seguir vivindo. Aínda que non lle gustase vivir tan apartada do mundo, polo menos así non se expoñía á contaminación só con inspirar e expirar. A luz da lúa crecente permitiulle asimilar mellor a información visual que recibía. Había algunhas ferramentas diseminadas pola herba do xardín —ou selva— da entrada á mansión. O ruído estaba máis claro: auga caendo e unha cousa rañando e quebrando algo.
Koala agarrou unha pa que estaba tirada no chan e, tras comprobar que non houbese ningunha araña enganchada a ela, agachouse e avanzou cara ao lugar dos feitos. A orixe estaba nun dos lados da escalinata de entrada —aquela que daba ao río—. Asomou a cabeza en postura defensiva e saltou cara a alí unha vez detectou o que ocorría.
—Pódese saber que merdas fas, Sabo? Asustáchesme!
Aquela era a figura inconfundible das costas da súa parella. Estaba arrincando táboas co reverso do martelo e a forza dos seus dedos. Ela non alcanzaba a comprender que pasaba, e contemplaba con furia aquelas mans que non deixaba de traballar por moito que llo recriminase. Xa co susto pasado —que non o enfado—, deixouse caer naquela fochanca que non sabía ben nin de onde viña, pero tiña calado ata as coxas ao seu compañeiro. Pola zona na que estaban, debía estar liberando as táboas do soto, mais non parecía a mellor idea para solucionar o problema da inundación. A base da escalinata, a pesar de ser de pedra, podía verse afectada por aquela manobra. Ademais, nin sequera era necesario ser moi intelixente para comprender que toda aquela auga acabaría afundindo o terreo e atraendo a máis insectos e animais salvaxes dos que xa se atopaban por alí. Non lle prestaba precisamente espertar cun rato enzoufándose na súa almofada. De feito, xa lle custaba avanzar cara a Sabo pola repulsión que lle provocaba o contacto directo con esa auga estancada de moi mal aspecto.
—Deixa iso, idiota, e ven dur...
Koala axitou o seu ombro. El removeuse e apartou o seu brazo nun intre, plantándolle cara. O seu rostro contraíase coa rabia e ensinaba os dentes como se fose unha besta querendo espantar unha mosca. Mais o que destacaba por riba de todo era o seu ollo esquerdo, sangrante e supurante dun líquido estraño de cor clara que non soubo identificar. Tiña toda a pálpebra inchada e non deixaba de estenderse pola súa face.
—Que fixeches, Sabo?
Sen mediar palabra, o martelo impactou contra a súa cabeza. Seguiu traballando coma se nada.
*
Horas máis tarde, a treboada apareceu sobre a casa. Sabo necesitara descansar despois de tanto traballar, polo que nin sequera se preocupara de subir algúns cubos para deter temporalmente o que se achegaba. Ao final foi Koala quen tivo que erguerse, unha vez conseguiu saír da cama sen marearse por moverse demasiado. Fregou os ollos e logo o resto da cara, aínda tensa pola mala postura que escoller para durmir co peor soño da súa vida, e buscou no armario un abrigo e uns pantalóns antes de subir as escaleiras. Se xa ía frío no dormitorio, o que ocorría nas plantas superiores era demencial. Os chanzos renxían coa humidade que impregnaba o aire e preferiu avanzar da forma máis cautelosa posible para non acabar morta dunha forma tan patética.
Os tronos resoaban pouco despois de aparecer o raio. Cada vez estaba máis preto; tiña medo de que a mansión non puidese resistilo con tantos buracos por todos lados, pero chegados a ese punto, non é que lle desgustase a idea de fuxir de alí e non volver recluírse en ningún lugar onde non houbese cobertura durante máis de tres horas ao día. O único que a detiña eran todos os cartos investidos naquel sitio. Borrar todos os seus esforzos e aforros da face da Terra xa a principios do novo milenio parecíalle desalentador. Quizais unhas vacacións non estivesen mal, pero agora necesitaba compensar todas as horas de sufrimento nun obxectivo definitivo.
Cando volveu ao cuarto tras deixar todo no seu sitio, Sabo estaba estirado no medio da cama, buscando a súa presenza con aqueles dedos alongados e grosos estirados cara ao seu lado. Koala non puido evitar sorrir, deformarse e reformarse entre os pregos do seu corpo, sentando e sentindo a aperta xentil da súa parella e a súa respiración pausada sobre a fronte antes de regalarlle outro bico. Con el o frío non existía, coa calor húmida do seu peito cubríndoa co seu fino manto.
—Que che pasou no ollo?
—Non o sei... Quizais é unha reacción alérxica a algo, porque non lembro terme golpeado con nada. —Koala entrecerrou os ollos e deixou de bater o café que decidira subir con ela despois de rematar co primeiro traballo da mañá. Aquilo non tiña boa pinta. Era como se estivese adormecido e morado, mais non tivo demasiado tempo para analizalo, xa que se erguera ao lembralo e estaba cambiando unha gasa por outra—. Está así desde onte á noite.
—Segues traballando a esas horas, parviño? Se non perdeses tanto o tempo durante o día non te sentirías obrigado a seguir de noite. —A rubia bufou cando o seu noivo se limitou a encollerse de ombros e sorrir daquela forma que conseguía remitir o seu enfado en calquera ocasión. Preferiu erguerse e acompañalo ata a cociña da casa onde pensaba lavarlle a cunca e a culler para volver parecer o home atento do que namorara.
—Xa falta pouco para que rematemos co soto e poidamos poñernos co tellado. O home que nos trae a madeira preparada dixo que viría ao longo da tarde. O malo é a poza xigante que rodea o patio. Case parece como... se o río quixese devorar a casa, facela parte del antes de destruíla. Como se quixese converter de novo o terreo nunha terra virxe, remitíndoa a un estado primixenio alleo ao ser humano, de novo presa no canto de depredador.
Aquilo fora demasiado intenso para estar falando de reformas, mais Koala coñecía a facilidade do seu mozo para emocionarse cos detalles máis nimios. Preferiu centrarse no importante—. E como imos arranxar toda esta desfeita? Entendo que haxa partes do soto que están seladas e deben abrirse á forza, pero vas crear un pantano, Sabo.
—O río nunca o permitiría, así que non temos que preocuparnos por nada diso.
—Menos ir de místico e máis lavar os pratos, cariño. Eu irei co coche a por provisións. Así poderás traballar en paz sen ter que gritarlle a ninguén.
O loiro musitou un «perdoa» antes de lanzarlle as chaves do coche á súa moza e darlle un bico de despedida. De paso, ela debía ir por gasolina. Así aproveitaba para darlle un bo paseo ao vehículo e que non se queimase de tan pouco uso nas últimas semanas.
Ir vivir con el quedou claro que foi unha mala idea só polo completo desastre que se sucedía día tras día, cun Sabo estresado e a piques de estoupar, e outro Sabo paciente e tenro que o único que buscaba era a calor allea e pasar o día apertadiños. Queríao con todo o seu corazón, pero esa inseguridade constante á hora de adiviñar cando sería bo momento para falar e cando se poría á defensiva era desalentadora. Necesitaba tomar un tempo daquela casa e diríallo en canto regresase.
Co que non contara era con que en tan poucas horas a situación xa se tivese descontrolado. Moreas e moreas de madeira flotaban polo río desbordado. Aquel soto dos horrores estaba sendo devorado pola auga e só os piares aguantaban o peso dunha mansión que se desmoronaba ante os seus ollos. Os rápidos parecían máis frenéticos do normal e as nubes estaban demasiado escuras como para non estar a chover naquel mesmo intre. Koala saíu correndo do coche a unha distancia prudencial en busca dunha explicación clara da desfeita.
E logo distinguiu a Sabo nadando en medio daquel lamazal. Quixo chamalo e pedirlle unha explicación, pero simplemente quedou muda. Cando el por fin se puxo en pé, notou azulada a súa pálida pel. O frío debía ser horrible, pero aquilo non lle quitaba estar espido. O brazo esquerdo estaba cheo de ronchas e pequenas protuberancias grises, azuis e verdes que se expandían e estoupaban para deixar saír algo xelatinoso que se pegaba á súa pel. O seu peito tamén estaba pasando polo mesmo, e a súa cara, aquela cun sorriso que podía facela dubidar de todo, só era un conxunto de cicatrices mal curadas e pústulas segregando algo amarelento por riba do seu ollo ferido.
Koala vomitou, sen saber se era peor o seu cheiro ou o que desprendía o río e a mansión na súa totalidade—. Cariño. —A voz da súa parella sonou ao lonxe, mesturada cunha rouquén estraña e a batuxada constante que sucedía os seus pasos—. Ven aquí. Pasei días e días reflexionando sobre que significaba este regalo e os misterios da Natureza, pero agora xa o teño claro. Deixa que cho conte e aprende comigo sobre a maxestade do Mundo.
A pesar de que sorría, aquilo só semellaba un aceno molesto, ensinando os dentes sen a menor expresividade no resto da súa cara aínda intacta. Cada movemento dos seus músculos provocaba un estalo e outro torrente de líquido chorreante descendía pola súa húmida fronte. Tendeulle unha man, unha viscosa que segregaba outra substancia branca polas palmas. A rapaza retrocedeu sen saber que máis facer.
—Que che pasou? Que está pasando en xeral? Como é posible que...?
—A Terra estame aceptando como parte dela —limitouse a contestar—, da mesma forma que acepta todos os obxectos e seres vivos que a habitan. Este só era un proceso que debía ocorrer en calquera momento, mais como non conseguía entendelo, acabei acelerándoo. A bondade e recompensa da Nai Terra é inabarcable... —Suspirou, como se aquilo só fose un soño e non tivesen gastado cartos e esforzo en reconstruír aquilo que se estaba desmoronando ante os seus ollos. Aínda levaba na man o martelo co que arrincara cada anaco da súa herdanza.
—Que fixeches, cacho de merda?
O rapaz tratou de achegarse de novo pero, apertando as chaves do coche entre os seus nocellos, Koala desfiguroulle a meixela. El nin sequera seguía sendo sólido. O seu corpo axustábase a todas as substancias. Xa non segregaba sangue senón outra cousa branca que le cicatrizaba as marcas. A pelirrubia ía atacar de novo mentres seguía atordado, pero a ferida estopou e manchoulle a pel. Ela berrou de noxo e repulsión.
—Que cres que fas, muller? E por riba de que eu...
Coas unllas Koala rachou a pel e coa chaqueta tratou de limpar os restos, pero nada funcionaba. Estaba comezando a suar e ardíalle a cara como en ácido. A pesar do que sufría, continuou lanzando tallos ao aire coas chaves para espantar aquilo que se seguía parecendo a Sabo. Non podía máis, non entendía máis. Notaba algo coándose polos recantos da súa mente dicíndolle que nada de aquilo era real, que era un pesadelo como calquera dos que tivera o rapaz cada noite na que durmiran xuntos fóra desa casa. Aquelas noites nas que espertara con ollos de peixe morto. Sabo xa non a distinguía de nada nin de ninguén. Sen mediar palabra, o martelo impactou contra a súa cabeza.
